Foz presenta o seu primeiro Selo do Camiño do Mar na Basílica de San Martiño

 

Foz presenta o seu primeiro Selo do Camiño do Mar na Basílica de San Martiño



O Concello de Foz presentou este venres no Centro de Interpretación da Basílica de San Martiño o primeiro punto no que xa se pode selar a credencial e acreditarse como peregrinos para facer o Camiño do Mar. Na presentación participaron o alcalde de Foz, Fran Cajoto; o concelleiro de Turismo, José María Linares; o presidente de ACIA Foz-CCA, José Carlos Paleo; e o presidente da asociación Amigos do Camiño do Mar, Manuel Vicente.

O alcalde Fran Cajoto comentou que “o Camiño do Mar xa está recoñecido pola Igrexa e danos esa Compostela ao chegar a Santiago e é en Foz precisamente onde podemos facer esa acreditación, a primeira que hai en todo o Camiño do Mar“.

Para Cajoto é un impulso moi importante que se recoñeza unha vía de peregrinación a través de Foz. Ademais esa ruta discorre por todo o norte da provincia de Lugo e da Coruña, A Mariña e Ortegal, ata unirse co Camiño Inglés.

O alcalde engadiu que “a Basílica de San Martiño, ao ser a catedral máis antiga de España, ao ser antigo hospital de peregrinos e discorrer por ela o Camiño do Mar, convértese en elemento principal e fundamental da ruta de peregrinaxe, igual que constitúe outro punto focal San Andrés de Teixido”.

Fran Cajoto indicou tamén que “desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña no Plan de Sustentabilidade Turística tamén apostamos fortemente por esta vía de peregrinación como un elemento dinamizador fundamental para o turismo da nosa comarca”.

Dentro dese plan está consignado con 2,25 millóns de euros aportados pola Secretaría de Estado de Turismo, pola Xunta de Galicia e a propia Mancomunidade, hai unha partida de máis de 230.000 euros para investir na dinamización do Camiño do Mar. “A idea principal é desestacionalizar o turismo, para impulsar que nos visiten fóra da tempada de verán e un elemento diferenciador, como é un Camiño discorrendo por toda a franxa costeira da nosa comarca, cremos que é a mellor carta de presentación”.

O concelleiro de Turismo, José María Linares, explicou que “o primeiro selo do Camiño do Mar xa está no Centro de Interpretación da Basílica de San Martiño a disposición de todos os peregrinos que percorren esta ruta xacobea e que queiran cuñar o seu pasaporte de peregrinación a Santiago para obter a Compostela. Hai tamén pasaportes á súa disposición no propio centro”.

José María Linares engadiu que “o selo é o logo do Centro de Interpretación da Basílica, deseño de Pepe Barro no ano 2018 para a apertura do propio centro. É un elemento recorrente representado na Basílica”.

Linares destacou que “este é o pistoletazo de saída para todos aqueles que queiran ter no seu pasaporte o selo do Centro de Interpretación da Basílica de Foz no seu percorrido polo Camiño do Mar cara a Santiago”.

José Carlos Paleo manifestou: “desde AciaFozCCA sumámonos á importancia que supón que Foz sexa unha parte do Camiño como punto de saída. O comercio e a hostalería participarán de forma activa na divulgación do Camiño do Mar, que servirá tamén para desestacionalizar e dar unha maior divulgación da Basílica como referencia turística e que no futuro teñamos máis posibilidades de ter un albergue”.

o presidente da asociación Amigos do Camiño do Mar, Manuel Vicente, comentou: “felicitar y dar la enhorabuena por la iniciativa de tener sello propio al Concello de Foz, representado en las personas de Fran Cajoto y Chema Linares, por la implicación en la puesta en valor del Camino del Mar a su paso por el municipio de Foz”.



Comentarios

Entradas populares de este blog

El Camino del Mar ya es ruta oficial a Santiago de Compostela

Peregrinos «invisibles» que están llenando hoteles aún en septiembre por una ruta espectacular que lleva por las mareas más altas del año

En el Camino encontramos casualidades de la historia.