A segunda edición do Camiño do Mar Concello a Concello comezará o 2 de abril

 

A segunda edición do Camiño do Mar Concello a Concello comezará o 2 de abril

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, manifestou: “un ano máis a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos será punto de selaxe das credenciais do peregrino que realicen o seu roteiro a Compostela a través do Camiño do Mar".

Xornal Da Mariña - 20-Marz-2023


O 2 de abril dará comezo en Ribadeo a segunda edición de camiño do Mar Concello a Concello, que organiza a Asociación Amigos Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela. A presentación tivo lugar en Ribadeo e na mesma participaron o responsable da organización, Manuel Vicente, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, a concelleira de Igualdade, Mónica Freire, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, e o xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez.

Manuel Vicente deu as grazas “pola colaboración e atención sempre atenta do Concello de Ribadeo e tamén a Acisa, polo seu apoio e colaboración co Camiño do Mar. Lembramos que en Acisa son facilitadores das credenciais para realizar o Camiño do Mar”. Vicente subliñou: “un ano máis presentamos en Ribadeo o proxecto: Camiño do Mar Concello a Concello. Ribadeo é un dos poucos lugares de Galicia con dous Camiños de Santiago, o do Norte e do Mar. Desde o porto de Ribadeo os dous Camiños son coincidentes ata chegar ao centro da vila, lugar onde se bifurca, o Camiño do Norte segue pola rúa San Francisco e o Camiño do Mar pola rúa Villafranca del Bierzo. Xustamente nese lugar, no seu día, estivo a Capela e Hospital de San Sebastián”.

E engadiu que “con esta acción preténdese a divulgación e promoción do territorio en xeral e do Camiño de Santiago que discorre por el, en particular. Agradecémoslles a súa implicación e apoio para o desenvolvemento deste proxecto. Desde a asociación seguiremos realizando distintas accións para seguir acrecentando o Camiño do Mar, antiga vía de peregrinación e ao mesmo tempo demandando esa atención por parte da Xunta para que dunha vez por todas recoñeza o que tiña que recoñecer hai xa unha chea de anos”.

A segunda edición desta iniciativa partirá o 2 de abril desde Ribadeo e concluirá en Santiago de Compostela o 25 de xuño. Serán un total de 13 etapas a realizar os domingos. As prazas son limitadas. As persoas interesadas en participar poderá facelo a través da web https://www.asocaminodelmar.es no apartado de accións 2023, Concello a Concello. A ligazón é o seguinte: https://www.asocaminodelmar.com/acciones/2023/concello-a-concello

Desde o Concello de Ribadeo o alcalde, Fernando Suárez, sinalou: “queremos agradecerlle a Manuel Vicente a elección de Ribadeo para o inicio da segunda edición desta iniciativa. O noso concello, que é porta norte de entrada Galicia, recibe cada ano máis peregrinos dispostos a chegar a Compostela a través dás diferentes roteiros que pode atopar ao seu paso. E o Camiño do Mar é unha desas opcións”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, manifestou: “un ano máis a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos será punto de selaxe das credenciais do peregrino que realicen o seu roteiro a Compostela a través do Camiño do Mar. En Acisa seguimos traballando e colaborando con todas aquelas iniciativas que o que fan é promover a chegada de máis camiñantes, de máis viaxeiros, de máis turistas a Ribadeo, porque iso redundará de forma positiva nos nosos negocios e na economía local”.



Comentarios

Entradas populares de este blog

El Camino del Mar ya es ruta oficial a Santiago de Compostela

Peregrinos «invisibles» que están llenando hoteles aún en septiembre por una ruta espectacular que lleva por las mareas más altas del año

En el Camino encontramos casualidades de la historia.